CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
O LIXO TAMÉN QUENTA
CAMBIOS NO CLIMA E CAMBIOS NA AUGA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Recursos dos blogues de Ciencias para o mundo contemporaneo

 


O blogue guía ou blogue de blogues de centros xa contén 4 páxinas completas de recursos dixitais para desenvolver a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC) co fío condutor da sostibilidade no marco da sociedade do cambio climático. Unha vez rematado o módulo I Sostibilidade e cambio climático impartido polos profesores de ensino secundario Susana Vázquez e Jesús M. Teira quedou completa a colección de titoriais con suficiente detalle para que calquera docentes poida chegar a administrar e xestionar un blogue CCMC de Climantica apoiándose na visualización destes titoriais. Calquera docente que queira usar este blogue nas súas clases non ten máis que solicitalo a climantica@climantica.org.

O incremento de contidos nos blogues xa é suficientemente importante para que estes blogues se abran á totalidade de comunidade educativa, o que se fará a próxima semana mediante o apartado Blogues desta web. Este incremento ten que ver coa capacidade de xestión dos blogues que xa acadaron os asistentes ao curso de posgrao de formación e o inicio da intervención de poñentes que desenvolven obradoiros que relacionan os contidos do currículo co cambio climático.

Estas intervencións curriculares desvinculadas da formación para a xestión de blogues iniciáronse o pasado sábado 8 de novembro coa intervención do profesor de ensino secundario da especialidade de física e química Ramón Cid, desenvolvendo o módulo Materiais e sostibilidade: do cosmos á nanotecnoloxía  e a próxima participación de outros 3 poñentes de obradoiros curriculares. O primeiro destes tres en intervir será o profesor de Xeoloxía da Universidade Complutense de Madrid Francisco Anguita quen o sábado 15 de novembro presentará obradoiros para traballar o módulo Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental.

Os demáis aspectos do currículo de CCMC que relacionan a xeoloxía  co cambio climático abordaraos o profesor de Didáctica da Xeoloxía da Universidade de Sevilla Emilio Pedrinaci no módulo que se desenvolverá o 29 de novembro, no que presentará obradoiros para abordar a comprensión dos compromisos para a sostibilidade dos riscos naturais e da sobreexplotación dos recursos. Por último, as relacións da xenómica coa problemática ambiental serán abordados o día 13 de decembro polo catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo.

Cada unha destas intervencións suporá unha inxección de contidos e actividades nos edublogues e eduforos de Climántica para CCMC.


Inicio da segunda edición do curso de posgrao Climántica: Competencia dixital

 


O mércores 5 de novembro iniciouse a segunda edición do curso de posgrao Climántica: competencia dixital, que se estrutura en cinco módulos: obradoiros de blogues, ferramentas TIC para os blogues, moderación e administración para blogues, obradoiros de meteoroloxía e climatoloxía de competencia dixital e experiencias de laboratorio sobre cambio climático. Este curso está especialmente deseñado para traballar Proxectos interdisciplinares co fío condutor do clima e do cambio climático. Nesta primeira xornada do curso, no que hai 37 matriculados, traballáronse os seguintes aspectos do primeiro módulo:

  • Potencialidade didáctica do blogue guía Climaeucambio
  • Primeiras accións para crear un blogue:
  • Acceso
  • Categorías
  • Publicación do primeiro post
  • Inxerir vínculos

Convocatoria da segunda edición do curso Climántica: Competencia Dixital

 


O curso está deseñado para que poida servir de especialización ao profesorado na xestión académica de edublogs e eduforos que lle permita desenvolver a competencia dixital dos estudantes de Proxecto interdisciplinar na liña da proposta “Climaeucambio” co fío condutor do clima e do cambio climático. Os créditos presenciais adicaranse á formación para xestionar e dinamizar edublogs e eduforos e a obradoiros nos que se traballen actividades prácticas (de meteoroloxía, climatoloxía e cambio climático) que estimulen a argumentación dos estudantes dentro destas propostas TIC para o desenvolvemento da competencia dixital.

Este curso universitario de posgrao consta de 60 horas (6 créditos) das cales 18 son presenciais e as restantes compútanse pola investigación – acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos obradoiros desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes. O curso estructúrase en 5 módulos presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur da USC os mércores de novembro e primeiro mércores de decembro de 18 a 21 horas, e que foron reestructurados en base a avaliación da primeira edición. Estes 5 módulos son:

  1. Obradoiros de blogues I: primeiras accións para crear un blogue. Mércores 5 de novembro Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  2. Obradoiros de blogues II e ferramentas TIC I. Mércores 12 de novembro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  3. Ferramentas TIC II e moderación e xestión de blogues e foros. Mércores 19 de novembro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario do grupo TIC do equipo Climántica e José Fernández Maneiro, licenciado en Xeografía e Historia e profesor de ensino secundario do equipo Climántica.
  4. Obradoiros de meteoroloxía escolar. Mércores 26 de novembro. Poñentes: Ana Lage e Santiago Salson. Doutores en Físicas, enxeñeiros técnicos informáticos e técnicos de MeteoGalicia.
  5. Actividades prácticas sobre cambio climático. Mércores 3 de decembro. Poñentes: Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño Barros. Licenciadas en Bioloxía e profesoras de ensino secundario do grupo ciencia - tecnoloxía do equipo Climántica.

No mes de marzo fixarase unha data para a posta en común das conclusións obtidas da investigación - acción asociada á aplicación da parte práctica na aula.

Pode verse o contido detallado dos módulos, os obxectivos, a xustificación do curso, e as liñas metodolóxicas básicas no tríptico.

Os interesados poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao enderezo climantica@climantica.org, indicando no asunto a cal dos tres criterios abaixo sinalados se acollen, de cara a facilitar o proceso de selección, de ser necesario. As prazas do curso cubriranse segundo a orde de inscrición e tendo en conta estes tres criterios:

  1. Que sexan docentes que impartan a materia Proxecto interdisciplinar (PI).
  2. Que sexan docentes de centros educativos que non imparten PI.
  3. Que sexan licenciados ou mestres que non exercen a docencia en centros educativos. Neste caso requírese que a solicitude se acompañe dunha proposta práctica para desenvolver a parte práctica no blogue temático que se lle asigne.

O curso é totalmente gratuíto, tanto na xestión como na docencia e nos materiais e recursos consumidos no seu desenvolvemento, pero a retirada do título, como ocorre con todo tipo de títulos das universidades, está supeditado ás taxas universitarias, que neste caso son do orde de 15€.


Avance do videoxogo CLMNTK que se porá en marcha en decembro

 


En decembro estará a disposición dos estudantes o videoxogo CLMNTK sobre cambio climático, territorio, consumo e enerxía, do que se presenta un avance.

Novo documental en Climántica TV

 
DOCUMENTAL SOBRE A PRESENTACIÓN E INICIO  DO CURSO
"CLIMANTICA NA MATERIA DAS CC. PARA O MUNDO CONTEMPORÁNEO DESDE A SOSTIBILIDADE E AS TIC"




Xa se pode ver no apartado de Climántica TV o documental correspondente á presentación do curso e inicio do primeiro modulo titulado Sostibilidade e cambio climático nos blogues e foros de Climántica en CC. para o Mundo Contemporáneo que tivo lugar o día 4 de outubro na facultade de Físicas da USC.

Premios en setembro correspondentes ao I Congreso de estudantes CLMNTK en Climántica TV

 


Sólo os estudantes premiados de ESO disfrutaron o seu campamento formativo en xuño. Do 8 ao 12 de setembro celebráronse os premios de bacharelato con actividades de orientación, itinerarios didácticos, xogos de rol, obradoiros e actividades lúdico deportivas. Xa se pode ver en Climántica TV o documental relativo a estas actividades.

Tamén se premiou ao IES Os ollos Grandes de Lugo con unha estancia en Lira o día 29 de setembro con actividades centradas en dous itinerarios didácticos.

 

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino