Conclusión do I Congreso Climántica para Estudantes

 


Case 300 estudantes de centros educativos de Galicia reuníronse o día 21 de xuño en Santiago para analizar, entre outros temas, as medidas fronte ao cambio climático, o desenvolvemento sostible e o respecto ao medio ambiente, no I Congreso de Estudantes de Climántica, organizado pola Consellería de Medio Ambiente.
Os alumnos de ensino secundario obrigatorio (ESO), bacharelatos e ciclos formativos de centros educativos das catro provincias galegas participaron nesta actividade coa exposición dos traballos que presentaron no seu día á segunda edición dos premios Climántica, convocados no marco do proxecto educativo co mesmo nome que puxo en marcha a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co obxectivo de sensibilizar e concienciar aos rapaces sobre o cambio climático e cómo atallalo.
Nesta xornada que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, os estudantes expuxeron os seus traballos presentados ao concurso nas súas tres modalidades: literatura –narrativa, poesía e cómic-, multimedia – curtametraxes, power point, entrevistas, teatro e cancións-, e artes plásticas –fotografía, debuxo e posters-. A exposición conxunta dos traballos serviu así mesmo para dar a coñecer ao público a visión que os máis xóvenes teñen sobre o cambio climático e as súas proposta para coidar o medio ambiente e fomentar o desenvolvemento sostible.
O Congreso de Climántica serviu ademais para que os estudantes de diferentes lugares de Galicia tivesen oportunidade de coñecer o punto de vista de outros alumnos, na exposición conxunta dos traballos presentados e nos que se atopaban traballos con moita calidade con títulos tan significativos como “o cambio climático e as súas consecuencias”, “cambiar nós para que non cambie o clima”, “se non o coidas es tonto”, “¿por qué ao home lle custa manter a terra”, “un día na vida dunha árbore”, entre outros. Todos estes traballos quedaron publicados na revista CLMTK que se lles entregou aos asistentes e en breve estará publicados nesta web.
A xornada estivo pensada tamén para os pais e docentes que acompañan aos estudantes, con actividades que inclúen mesas redondas sobre “alimentación e ambiente” na que se abordarán cuestións como a agricultura ecolóxica e a alimentación, a medicina ecolóxica ou o deporte.

Premios
Un total de 60 estudantes -30 de Eso e 30 de bacherelatos e ciclos formativos- recibiron neste congreso os diplomas correspondentes aos premios da segunda edición do concurso de Climántica, que foron entregados pola Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e polo Director Xeral de Desenvolvemento sostible. Estes premios daranlle a oportunidade de participar nunha estancia formativa de cinco días de convivencia nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia. Concretamente, os alumnos de ESO disfrutarán entre o 23 e o 27 de xuño nunha estancia nun equipamento de San Xoán de Río en Ourense; e os de bacharelato e ciclos formativos irán entre o 8 e o 12 de setembro a outro equipamento no Parque Natural das Fragas do Eume. Ver programa.


Actores de Climantopía.


Grupo de escolares do IES Ollos Grandes que representaron a obra de teatro no I Congreso.


Panorama da entrada ao Congreso.


I Congreso Climántica para estudantes

 


O sábado 21 de xuño terá lugar o I Congreso Climántica para estudantes no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. Para consultar a programación pódese descargar o díptico oficial.


Próxima convocatoria dos Premios a experiencias curriculares no Proxecto Climántica 2007-2008

 
A Consellería de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a ultimar a tramitación dunha orde de aprobación das bases e convocatoria dos Premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica 2007-2008.

Ditos premios teñen por obxecto fomentar a aplicación das propostas de Climántica nos centros educativos sostidos con fondos públicos de Galicia e recoñecer o traballo educativo desenvolto no marco do proxecto.

Orde do 18 de xuño de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria dos premios a experiencias curriculares no Proxecto Climántica, 2007-2008. (actualización)




Primeira experiencia piloto de Escolas Climántica de Avós e Netos

 


O día 9 de xuño tivo lugar no IES Campo de San Alberto a primeira experiencia piloto dunha das dimensións máis innovadoras de Climántica: Escolas Climántica de avós e netos. Esta experiencia estivo coordinada polo docente do equipo Climántica José Fernández Maneiro, profesor de ensinanza de adultos deste instituto.

Os estudantes de nivel II de adultos titelaron aos estudantes de proxecto interdisciplinar Climaeucambio de 1º de ESO do mesmo centro para chegar a unhas conclusións que permitiron comparar a sostebilidade do consumo de alimentos, da producción de residuos, da mobilidade, do ocio e do traballo na idade de 12 e 13 anos dos maiores coa dos estudantes de primeiro de ESO.


A asignatura Climántica de Cuarto Ciclo da USC na clausura do curso 2007-2008

 


O turno de conferencias do Segundo encontro de estudantes de cuarto ciclo, celebrado no Auditorio de Galicia o 7 de xuño, co que rematou o curso 2007-2008, abriuse con Climántica. Esta asignatura púxose en marcha en cuarto ciclo da USC por primeira vez durante este curso. As 30 horas teóricas leváronse a cabo na aula seminario da facultade de Farmacia os mércores de 17 a 18 horas e nelas desenvolvéronse os seguintes contidos:

  • Controversia arredor do cambio climático.
  • Dominios climáticos do mundo: o dominio de Galicia.
  • Elaboración das prediccións meteorolóxicas.
  • Elementos da estación meteorolóxica. Rede meteorolóxica de Galicia.
  • Cambios no clima na historia da terra: métodos, descrición do clima na historia xeolóxica e evidencias paleoclimáticas en Galicia.
  • O cambio climático: evidencias, interpretación da regulación térmica e da súa alteración, causas e consecuencias do quentamento global.
  • Horizontes de futuro en base ao cambio climático.

As 30 horas de prácticas desenvolvéronse coas seguintes experiencias:

  • Visita a Coimbra para estudar o cambio de dominio climático ao longo do tranxecto e a súas implicacións na vexetación. Estudos do paleoclima e das grandes extincións nos museos de xeoloxía e de ciencias da Universidade de Coimbra. Evidencias do paleoclima comunicadas polos fósiles atopados na canteira de Cantenhede.
  • Visita a Carnota para relacionar a influencia do cambio climático sobre as praias e dunas da zona. Tamén se efectuou unha visita didáctica con técnicos de Mar de Lira.
  • Visita a Sotavento e obradoiros sobre enerxías renovables e consumo.
  • Prácticas de laboratorio sobre clima e cambio climático.
  • Realización do curso multimedia Cambio climático na aula de informática.

Na docencia da asignatura Climántica de cuarto ciclo participaron docentes do Equipo Climántica así como asesores científicos do proxecto pertencentes a  MeteoGalicia, á Universidade e ao CSIC.


Celebración do Día Mundial do Medio Ambiente coa clausura das I Xornadas Temáticas Climántica

 


O día 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día mundial de medio ambiente, clausuráronse as primeiras xornadas temáticas de Climántica que se celebraron como experiencia piloto no IES Fernando Blanco de Cee.

Nestas xornadas o Director Xeral de Desenvolvemento Sostible e o Director de Climántica desenvolveron unha conferencia conxunta no salón de actos. Ao rematar, os estudantes pasaron a informarse sobre as causas e consecuencias do cambio climático nas carpas temáticas onde recibiron as explicacións dos seus compañeiros monitores, apoiándose en experiencias prácticas. Estes estudantes - monitores formáronse durante 3 días coa Técnica do proxecto Climántica que se encarga das actividades de dinamización en centros.

Durante o recreo os estudantes observaron as actuacións de magos, acróbatas e malabaristas. A celebración do Día mundial do medio ambiente pechouse co espectáculo Climantopía, onde confluíron música, maxia, proxeccións multimedia, que acompañaron e reforzaron as mensaxes de educación ambiental comunicadas nunha serie de contos e cancións. O modelo xa quedou suficientemente testado para que se poida exportar a outros centros piloto interesados e implicados en Climántica.


Experiencias piloto de Climántica en centros educativos de Arxentina e Cuba

 


Os días 26 e 27  de maio desenvolveuse a primeira experiencia piloto de Climántica no sistema educativo cubano. Nesta experiencia piloto estudantes da “Ciudad Escolar Libertad” con idades comprendidas entre 13 e 14 anos desenvolveron unha dinámica de grupos para avaliar ideas previas sobre causas e efectos do cambio climático. As primeiras actividades de Climántica en Cuba remataron coa conferencia do director de Climántica no V Congreso Internacional de Educación Enerxética celebrado no Instituto Pedagóxico da cidade de Habana.

Esta mesma dinámica desenvolveuse o día 29 de maio con estudantes de 15 e 16 anos do colexio Santiago Apóstolo da cidade de Bos Aires. Neste mesmo centro o director de Climántica impartiu unha charla - coloquio á que asistiron tódolos alumnos do ensino secundario do centro. As primeiras actividades de Climántica en Arxentina concluirán nas Xornadas sobre Cambio Climático que se celebran na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires os días 30 e 31 de maio.

Declaracións éticas de Eduardo Galeano sobre as inxustizas Norte-Sur

 


Eduardo Galeano abordou o día 13 de maio de 2008 en Ourense os aspectos éticos das relacións inxustas norte - sur tan importantes na Educación Ambiental do século XXI e na sociedade do cambio climático.

Entre estes aspectos, destacou a nova Constitución de Ecuador, onde por primeira vez na historia da Humanidade se recoñecen os dereitos da Natureza e se nos sitúa como uns inquilinos entre outros moitos. 

Na súa intervención destacou tamén as cuestións éticas relativas á emigración, e a oportunidade que se abre para a aventura de recoller o arco da vella na Terra referido á importancia da diversidade de razas.

Pódese ver a entrevista completa en Climántica TV.

Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino