CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Prácticas relativas ao seminario “Cambio climático no océano”

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo sobre as prácticas relativas ao seminario Cambio Climático no Océano, impartido, o sábado 15 de outubro, por Antonio Bode, no marco do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Estas actividades desenvolvéronse na praia de Testal de 12 a 14 horas e no criadoiro de moluscos do Freixo dende as 17 ata as 19 horas. Ás actividades do obradoiro da praia de Testal asistiron todos os docentes matriculados no curso, e ás actividades do obradoiro no criadoiro, solo foron os voluntarios.

Unha vez rematado o seminario Cambio Climático no Océano que se desenvolveu no IES Virxe do Mar de 10 a 11:45 horas, os asistentes ao curso desprazáronse á praia de Testal para participar nun obradoiro sobre as ideas forza expostas por Antonio Bode no IES Virxe de Mar.

Na aplicación práctica dos contidos do seminario, este científico do Instituto Español de Oceanografía contou coa colaboración do biólogo da Cofradía de mariscadores de Noia, Antonio Rama. Esta parte práctica iniciouna Antonio Bode. Desta forma, na praia de Testal aplicou coñecementos que expuxo antes no IES Virxe do Mar; apoiándose no coñecemento teórico – práctico do marisqueo de Antonio Rama, quen fundamentou dende o punto de vista biolóxico as tarefas de marisqueo, e da súa xestión biolóxica, entre as que destacou os mostreos.

Entre os conceptos que Antonio Bode expuxo no Instituto, e que aplicou na praia, destacaron os relativos á necesidade de ordenar o territorio na xestión do medio litoral, incluíndo o interior das rías, e incluso do océano. Para facelo centrouse nos efectos de eliminación de terreo de recheo, por parte da auga da ría, que se visualiza no acceso á praia dende a estrada que vai á lonxa. Chamou a atención dos docentes sobre a natureza de recheo do material derruído depositado sobre a praia. Sobre esa observación, fixo fincapé sobre o importante que é non facer recheos como os que se fixeron en Testal. Dixo que estes recheos se van a ver afectados de forma moi significativa pola subida do nivel do mar, cos conseguintes riscos nos casos nos que hai construcións sobre eses terreos gañados ao mar.

No relativo aos efectos que se poden derivar do cambio climático sobre os bivalvos obxecto do marisqueo nese banco en concreto, abordaron o feito de que a ameixa se poida atopar xa moi no límite da distribución, polo que lle pode estar afectando de forma significativa a subida da temperatura da auga. Tamén se fixo mención, a nivel xeral, á importancia que pode ter a alteración do sistema climático nas rías sobre os afloramentos e sobre as riadas; dous impactos claros para este tipo de bivalvos.

A continuación fíxose unha demostración das técnicas de marisqueo a pé, coordinadas polo patrón maior da Cofradía, Santiago Cruz; e na que participaron mariscadoras que explicaron as técnicas ao profesorado. Nestas tarefas de marisqueo a pé con rastro, tamén participou profesorado que coñecía a técnica, e outro que quixo experimentala por primeira vez.

Pola tarde, Antonio Rama explicou as actividades que está a dirixir no criadeiro de moluscos que ten a Cofradía no Freixo. Alí contou tamén coa colaboración de Antonio Bode, que lle fixo varias preguntas a Rama, cuxas respostas resultaron interesantes para o profesorado, porque con esas respostas, o Biólogo da Cofradía, expuxo os fundamentos científicos de diversos aspectos. Bode tamén aportou, ao longo da visita á nave, coñecementos e reflexións formuladas dende o seu ámbito da Oceanografía.

O biólogo Rama empezou o itinerario pola nave, explicando o sistema para obter fitoplancto para alimentar ás larvas e aos xuvenís de berberechos. A continuación pasou a explicar a indución do desove, coas diferenzas entre as tres especies. Para finalmente abordar os procesos a seguir para garantir un número satisfactorio de xuvenís para levar a bateas. Os asistentes observaron ao microscopio mostras de berberecho e ameixa na fase crítica na que deixan de ser larvas nadadoras, para pasar a fixarse ao substrato. Centrándose nesta etapa final dos xuvenís na nave, referiuse á elevada mortaldade nos xuvenís, previo ao momento de pasalos ás bateas. Nese senso, fixo fincapé na importancia que ten que o colector colla auga en bo estado; aínda que tamén mencionou que a renovación faise soamente nun 10% do volume dos tanques, para aproveitar ben a comida.

Antonio Rama rematou a actividade explicando os cambios que introduciu, dende a posta en marcha do criadoiro, no sistema para ter os xuvenís en bateas, facendo fincapé na mellora dos resultados. Sobre a incorporación dos individuos ás bateas, onde engordan previamente a ser sementados nos bancos; referiuse á importancia que ten que os xuvenís teñan ao menos 3 mm. Dixo que con 2 mm xa se poderían levar á batea; pero expuxo que aínda era un tamaño moi pequeno, sobre todo porque tiñan unhas cunchas moi brandas; e por iso aínda serían moi vulnerables aos depredadores.


Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  
Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino