A asignatura Climántica de Cuarto Ciclo da USC na clausura do curso 2007-2008

 


O turno de conferencias do Segundo encontro de estudantes de cuarto ciclo, celebrado no Auditorio de Galicia o 7 de xuño, co que rematou o curso 2007-2008, abriuse con Climántica. Esta asignatura púxose en marcha en cuarto ciclo da USC por primeira vez durante este curso. As 30 horas teóricas leváronse a cabo na aula seminario da facultade de Farmacia os mércores de 17 a 18 horas e nelas desenvolvéronse os seguintes contidos:

  • Controversia arredor do cambio climático.
  • Dominios climáticos do mundo: o dominio de Galicia.
  • Elaboración das prediccións meteorolóxicas.
  • Elementos da estación meteorolóxica. Rede meteorolóxica de Galicia.
  • Cambios no clima na historia da terra: métodos, descrición do clima na historia xeolóxica e evidencias paleoclimáticas en Galicia.
  • O cambio climático: evidencias, interpretación da regulación térmica e da súa alteración, causas e consecuencias do quentamento global.
  • Horizontes de futuro en base ao cambio climático.

As 30 horas de prácticas desenvolvéronse coas seguintes experiencias:

  • Visita a Coimbra para estudar o cambio de dominio climático ao longo do tranxecto e a súas implicacións na vexetación. Estudos do paleoclima e das grandes extincións nos museos de xeoloxía e de ciencias da Universidade de Coimbra. Evidencias do paleoclima comunicadas polos fósiles atopados na canteira de Cantenhede.
  • Visita a Carnota para relacionar a influencia do cambio climático sobre as praias e dunas da zona. Tamén se efectuou unha visita didáctica con técnicos de Mar de Lira.
  • Visita a Sotavento e obradoiros sobre enerxías renovables e consumo.
  • Prácticas de laboratorio sobre clima e cambio climático.
  • Realización do curso multimedia Cambio climático na aula de informática.

Na docencia da asignatura Climántica de cuarto ciclo participaron docentes do Equipo Climántica así como asesores científicos do proxecto pertencentes a  MeteoGalicia, á Universidade e ao CSIC.


Comentarios:
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado

Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino