CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Climántica en Castellón

 


O proxecto Climántica foi invitado a participar nas IX Jornadas de Ciencias de la Tierra do Planetario de Castellón con unha conferencia e dous obradoiros. O Planetario de Castellón organiza estas xornadas para toda a cidadanía, sen máis límites que os establecidos polo aforo do salón de actos e, no caso dos obradoiros, o número máximo que permita o bo desenvolvemento dos mesmos. Pero os profesores acreditados polo CEFIRE de Castellón teñen prioridade, tanto nas conferencias coma nos obradoiros. Nesta edición acreditáronse máis de 100 docentes.

Xa está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia Aproximación interdisciplinar desde Climántica al cambio climático y a la crisis energética. No seu desenvolvemento, Francisco Sóñora, director de Climántica, expuxo a dimensión divulgativa da organización didáctica interdisciplinar do proxecto Climántica sobre cambio climático e as súas vinculacións co problema enerxético.

O profesor Sóñora presentou en Castellón a Climántica como un proxecto de Educación Ambiental en rede co obxectivo básico de intercambiar ideas e experiencias educativas, xerar produtos didácticos interdisciplinares, enriquecer o currículo de Educación Ambiental e abordar as principais problemáticas ambientais relacionándoas co cambio climático. Situouno como un proxecto institucional formando parte do piar educativo do plan marco de Galicia fronte ao cambio climático, que vai dirixido, de forma transversal, a todos os niveis do sistema educativo, co fin de aproveitar o desenvolvemento didáctico dos docentes para divulgar e sensibilizar sobre o reto a toda a cidadanía a través do seu portal trilingüe climantica.org.

Sobre a base desa flexibilidade e capacidade de Climántica para saír das aulas á sociedade, xustificou o enfoque que elixiu para a conferencia, na liña de comunicar ao público en xeral o cambio climático e as súas relacións coa crise enerxética actual.

En resumo, abordou cun estilo moi didáctico, o concepto de cambio climático, o modelo que o explica, situando a súa evolución histórica ao longo de diferentes ciclos enerxéticos, con especial incidencia no actual, correspondente á obtención de enerxía a partires dos combustibles fósiles. Así mesmo explicou e exemplificou diversas consecuencias, para rematar apuntando solucións, facendo unha mención final ao potencial das respostas educativas ao cambio climático promovidas dende Climántica.

Tamén se pode ver en Climántica TV o vídeo que resume os obradoiros. Estes foron desenvoltos polas profesoras do IES Nº 1 de  Ribeira Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño Barros, que colaboran con Climántica na dimensión de formar aos estudantes para que expliquen o cambio climático mediante experiencias de laboratorio.

Para estes obradoiros seleccionaron unha serie de experiencias que permiten recrear de forma experimental, intuitiva e vivencial, un conxunto de actividades prácticas, sinxelas e rigorosas á vez, que nos permitan contribuír á aprendizaxe activa das evidencias, causas, consecuencias e propostas de mitigación do cambio climático, conxugando a razón coa emoción, e o espírito lúdico co rigor científico, na perspectiva da sostibilidade.

Cos obradoiros, ademais de reproducir o procedemento experimental, fundamentaron tamén os seus obxectivos didácticos, e fixeron chegar aos asistentes as orientacións metodolóxicas para converter os estudantes en monitores e protagonistas activos do seu propio sistema de aprendizaxe.

Para o desenvolvemento dos obradoiros usaron dúas metodoloxías:

1.- Actividades Experimentais: conxunto de actividades seleccionadas para realizar de forma práctica en grupos de traballo, constitúe a parte principal do taller.
2.- Presentación Multimedia: comprende aquelas actividades cuxo desenvolvemento non se podía executar en obradoiros desa duración, pero que interesaba que os asistentes os coñeceran pólo seu potencial didáctico.

No primeiro apartado, temos:
1.1 - Simulando Correntes de Convección.
1.2.- Demostrando o papel regulador térmico da auga.
1.3.- Quentamento terrestre: Absorción de radiación e simulación de invernadoiro.
1.4.- Emisión de gases con efecto invernadoiro por uso de combustibles fósiles: Presenza de CO2 e NOx nos tubos de escape dos vehículos.
1.5. - Aumento de fenómenos meteorolóxicos extremos: Simulación dun ciclón.
1.6.- Consecuencias en ecosistemas acuáticos: desxeo. Modelos ártico e antártico.
1.7.- Outros efectos dos contaminantes atmosféricos: choiva ácida.
1.8.- Relación entre illamento térmico e aforro enerxético.
1.9.- Determinación da presenza de contaminantes na auga (fecal, exceso de nutrientes).

No segundo apartado incluíron:
2.1.- Efecto de diferentes contaminantes na xerminación e crecemento vexetal.
2.2.- Fundamentación da importancia da enerxía térmico-solar na solución do cambio climático: Construción dun forno solar.
2.3.- Aforro de auga: Modelo dunha depuradora caseira.
2.4.- Actividades didácticas de Meteoroloxía: Rede de Meteoescolas.


Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino