Cartel da convocatoria do 2º Concurso Climántica

 



Xa está dispoñible para descargar o cartel da convocatoria do 2º Concurso Climántica.

22 de abril: Día Mundial da Terra

 
  Hoxe 22 de abril celébrase o Día Mundial da Terra, Climántica compartirá esta data co Claustro do CEIP Agra do Muiño. Os estudantes da asignatura Climántica de Cuarto Ciclo da USC celebrarán esta data en Coimbra con actividades desenvoltas por representantes da asociación da Unesco: Ano Internacional do Planeta Terra en Portugal.  

Actualización: Xa se pode ver o documental das actividades en Climántica TV.

2º Concurso Climántica

 

CONVOCATORIA DA SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS CLIMÁNTICA POR TRABALLOS PRESENTADOS AO PRIMEIRO CONGRESO DE ESTUDANTES DE CLIMÁNTICA

concurso

Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible convoca a SEGUNDA EDICIÓN dos Premios Climántica. Os segundos premios consisten nunha estancia de 5 días nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia no que tamén se desenvolverán actividades deportivas e de lecer. Esta estancia levarase a cabo ao remate do curso 2007-2008 en dúas quendas diferentes: entre o 23 e o 27 de xuño para ESO e entre o 8 e o 12 de setembro para bacharelato e ciclos formativos. A diferenza dos Primeiros Premios Climántica celebrados en novembro de 2007, os segundos premios outorgaranse por traballos enviados para publicar no primeiro número da revista CLMNTK e que se presentarán no Primeiro Congreso de Estudantes Climántica

Establécense as seguintes categorías:

1.-Literatura: Redaccións, relatos reais e de ficción ou poesía cuxa temática xire sobre algún tema que se trate no proxecto.

1.1 Narrativa

1.2 Poesía

1.3 Comics

2.-Multimedia: Os formatos nos que se presenten deben responder ás seguintes características técnicas: resolución mínima 320 x 240. Formato de vídeo: mov, mp4, vob, dv, flv, avi, 3gp.

2.1 Curtos nos que se conte unha historia sobre a base dun guión. Pequenos vídeos (ver cómo facer unha película co teu móbil).

2.2 Presentacións

2.3 Entrevistas, representacións teatrais e cancións grabadas

3.-Artes plásticas:

3.1 Fotografía. Cada foto debe levar unha breve referencia do que autor/a quere comunicar con ela.

3.2 Debuxos

3.3 Pósters. Neste caso deberá facerse chegar o orixinal ao enderezo de contacto de Climántica.

Cada traballo que se envíe deberá ir acompañado da ficha de inscripción na que o autor/a ou autores (máximo 3 membros por grupo) describan o que desexan comunicar co traballo.

Os traballos remitiranse á seguinte dirección de correo electrónico concursos@climantica.org. O prazo de presentación de traballos vai desde a data de publicación desta convocatoria na web ate o 15 de maio do 2008.

Todos os traballos que cumpran os requisitos mínimos inseriranse na web na sección Concurso dentro do epígrafe de Centros. Todos os traballos que sexan incorporados á web de Climántica tamén se publicarán na revista dos estudantes de Climántica CLMNTK e serán premiados co envío dunha camiseta ou dun maillot do proxecto, para o que se fará constar no correo co que se remita o traballo a elección de camiseta ou maillot e a talla.

PODES PARTICIPAR TAMÉN NO CONGRESO DE AUTORES CLIMÁNTICA

Os traballos elexidos para publicar na revista dos estudantes de Climántica CLMNK presentaranse no I Congreso de estudantes de Climántica. Os premios serán comunicados neste PRIMEIRO CONGRESO DE AUTORES CLIMÁNTICA que se celebrará en Santiago o 21 de xuño do 2008 no Pazo de Congresos de Galicia.

Outorgaranse 10 premios por cada categoría para alumnado de ESO (un total de 30 premios para a quenda de xuño) e outros tantos para bacharelato e ciclos de grao medio e superior (un total de 30 premios para a quenda de setembro). Se os traballos dunha categoría non reúnen os requisitos mínimos de calidade para ocupar os 10 premios desa categoría, poderá incrementarse o número de premios das restantes categorías si estes reunen suficiente calidade. Os premios poderán declararse premios desertos, sempre que o xurado considere que non hai suficientes traballos de calidade para cubrir os 30 premios de ESO ou os 30 de bacharelato e ciclos formativos.

Os criterios que se seguirán para avaliar os traballos serán:

- Que exista unha relación clara co proxecto.
- Orixinalidade.
- Elaboración rigorosa.
- Capacidade de sensibilización.
- Grao de madurez na elaboración técnica.
- Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.

Para poder percibir o premio, o estudante deberá presentar antes da saída unha certificación académica en conforme estivo matriculado durante o curso 2007-2008 nun centro de ensino no nivel polo que concursou, copia certificada do DNI e se fora menor de idade unha autorización, permitíndolle asistir á estancia, asinada polo pai, nai ou titor legal.

PODES TER APOIO TÉCNICO

Se tes dificultades co teu proxecto podes recibir apoio técnico enviando un correo electrónico concursos@climantica.org


Climántica no Forum Orienta 2008

 

CLIMANTICA ORIENTACION



Climántica presentou a súa iniciativa de Climántica Orientación no Forum Orienta 08 e que se está a desenvolver no IFEVI de Vigo do 8 ao 13 de abril. Dentro desta iniciativa participa un grupo de 4 orientadores do equipo Climántica que previamente foron formados por expertos en I+D e formación profesional para orientar aos estudantes sobre os escenarios de investigación e profesionalización que se abren nos eidos da mitigación e adaptación para facer fronte ao cambio climático. Co contido desta formación elaborouse unha documentación en forma de políptico que recolle as principais liñas de orientación profesional e vocacional das que se responsabiliza este grupo de orientadores. Tamén se desenvolven varias sesións da dinámica de grupos “Se ti cambias o clima tamén” e do obradoiro “Construíndo un forno solar".

Actualización: Xa se pode ver tamén en Climántica TV.


Blogues Climántica

 



Xa se pode acceder ao blog guía desde o novo epígrafe de Blogues desta web. Unha vez que se entra no blog guía pode accederse a unha serie de Titoriais que a modo de película  nos explican con detalle como xestionar e administrar os blogues de aula. Tamén se pode acceder aos Foros onde se pode interactuar sobre diversos temas e recibir asesoría para o uso e administración de edublogs e eduforos de aula. O epígrafe de Blogues do blog guía é o que nos permite acceder aos blogues de aula dos centros que xa solicitaron esta utilidade didáctica. Este blog guía, ademáis de ser un blog de blogues, contén recursos, ideas de actividades e suxerencias para integrar nos blogues de aula de forma que lles facilite a tarefa. Os centros que queiran solicitar un blog de aula poden facelo enviando unha solicitude mediante o correo corporativo do centro ao enderezo de contacto desta web climantica@climantica.org

Terceira xornada do I Curso de posgrao Climántica-USC: competencias dixital e de aprender a aprender

 

Curso

O sábado 8 de marzo desenvolveuse a terceira xornada do curso na que os profesores Susana Vázquez e Jesús Teira desenvolveron o módulo III relativo á administración de blogues de aula. Na última hora da xornada abordouse a avaliación de ideas sobre o cambio climático mediante técnicas libres a partires da conferencia impartida polo profesor de Educación Ambiental da facultade de Educación da USC, Pablo Meira. A maioría dos exemplos que expuxo, foron traballos dos estudantes do profesorado asistente, desenvoltos dentro do marco de investigación - acción da parte de aplicación na aula do contido do curso. O contido desta conferencia titulada “Análise de representacións sociais do cambio climático mediante técnicas abertas (da cultura científica á cultura común)” queda á disposición do profesorado no apartado Recursos e pode visualizarse a súa exposición no apartado Climántica TV

Actualización: Xa se poden ver en Climántica TV os documentais do IV módulo e do V módulo.


Segunda xornada do I Curso de posgrao Climántica-USC: competencias dixital e de aprender a aprender

 

Curso

O sábado 1 de marzo desenvolveuse a segunda xornada do curso na que os profesores Susana Vázquez e Jesús Teira orientaron ao profesorado sobre como inxerir elementos multimedia nos blogues e sobre a formulación de preguntas activadoras da argumentación dos estudantes sobre o contido deses elementos multimedia inxeridos. Tamén se abordou a potencialidade da técnica de webquest para a educación ambiental centrada no cambio climático. Sobre esta temática, o profesor Francisco Castillo impartiu unha conferencia da que se pode descargar o seu contido no epígrafe recursos e da que se pode ver un resumo en Climántica TV.

Actualización: Xa se pode ver tamén en Climántica TV un resumo do traballo con blogues.


Inicio do I Curso de posgrao Climántica-USC: competencias dixital e de aprender a aprender

 

Curso

O sábado 23 de febreiro presentouse o I Curso de posgrao Climántica-USC: competencias dixital e de aprender a aprender e desenvolveuse o primeiro módulo dos 5 recollidos no programa: Os blogs como ferramentas para desenvolver competencias básicas I: o uso dun blog no contexto de aula de climaeucambio.

Como o número de inscritos superou o número máximo establecido nas condicións de matrícula, os inscritos non matriculados quédalles a súa praza reservada para matricularse na segunda edición que se comunicará coincidindo co inicio do curso 2008-2009.

A presentación do curso está dispoñible en Climántica TV


Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino